Ola de novo, científicas e científicos!!
Estamos de volta!!
Este curso comezamos o noso proxecto falando do magnetismo, aproveitando que na materia de Ciencias estivemos a traballar "A Terra e os planetas".
Pero, por que? Cal é a relación entre o magnetismo e os planetas? Moi sinxelo: o noso planeta é un imán xigantesco, co seu núcleo de ferro fundido, os seus dous polos Norte e Sur e, sobre todo, os seus campos magnéticos tan necesarios para nos orientar. Pero sobre isto último falaremos máis adiante.
Comecemos polo principio: Que materiais atraen os imáns? Os científicos e científicas do CPI de Padrenda estivemos a investigar.
E chegamos á conclusión de que non todos os metais son atraídos polo imán. Os metais magnéticos redúcense a tres: ferro, níquel e cobalto.
A continuación, xogamos coas forzas de atracción e repulsión entre imáns. Aproveitamos a forza de repulsión para realizar unha carreira de coches teledirixidos. Divertidísimo!!
E volvendo sobre o tema dos campos magnéticos e a orientación, outra das actividades interesantes que realizamos foi a elaboración dun compás caseiro. Soamente precisamos unha agulla magnetizada, un anaco de cortiza e unha cunca grande con auga.
Para rematar, fabricamos o noso propio slime magnético. É moi sinxelo. Soamente necesitades un pouco de plastilina e limaduras de ferro. Nós usamos pasta de sal e limaduras de ferro e tamén funciona.
Deica a próxima, científic@s!!
No hay comentarios:
Publicar un comentario