domingo, 28 de abril de 2024

 Que tal, Crespocientífic@s!

Na entrada de hoxe traémosvos unha actividade 🍋con limón🍋, así que ide abrindo a neveira ou baixando á horta (se tedes esa sorte de podelos coller da árbore) porque é MOI INTERESANTE!

BATERÍA CON LIMÓNS

Si, si! Lestes ben! Imos montar un circuito usando como batería o zume dos limóns - xa vos dixemos que era unha actividade moi interesante😉

Ben. Preparade os materiais. Isto é o que ides necesitar:


Comecemos!

1. PREPARAMOS OS LIMÓNS


Partimos os limóns á metade e practicamos un burato a cada lado do medio limón.
Nun dos buratos incrustamos a moeda e no outro o parafuso.




2. FACEMOS AS CONEXIÓNS COS CABLES CROCODILO

Aquí poñede atención. Trátase de facer un circuito conectando un limón con outro. Debedes enganchar un extremo do crocodilo na moeda dun limón e o outro extremo no parafuso doutro limón diferente. 


IMPORTANTE: O circuito non se pecha ata que o LED queda conectado. Polo tanto, deixaremos un crocodilo enganchado na última moeda e outro enganchado no último parafuso; pero non entre si! No medio destes dous irá conectado o LED.



3. CONECTAMOS A LUCIÑA LED

Lembrade: a patiña curta do LED é a negativa e a longa a positiva. O crocodilo que enganchamos no parafuso conéctase coa patiña curta e o crocodilo enganchado na moeda conéctase á patiña longa.



PERO... COMO É POSIBLE!!??

Pois moi sinxelo, Crespocientífic@s. Lembrades cando elaboramos a plasti condutora? Que ingredientes levaba?🤔

Exacto! Limón e sal! Estes dous ingredientes considéranse electrolitos porque permiten o paso da corrente eléctrica.

Ademais do electrolito, para que a batería funcione son necesarios dous electrodos; é dicir, dous metais condutores (moeda de cobre e parafuso de zinc).

Unha vez conectados electrolitos e electrodos, temos xa todo preparado para que a nosa batería funcione. A reacción química que acontece durante este proceso coñécese co nome de OXIDACIÓN-REDUCIÓN ou REDOX. 


😎Va que mola! Non vos perdades a próxima entrada. Nela ensinarémosvos outra actividade para aproveitar eses limóns que acabades de usar. NON SE VOS OCURRA COMELOS!

domingo, 7 de abril de 2024

Moi boas, Crespocientífic@s!

Hoxe traemos unha actividade sobre as plantas con materiais moi sinxelos para que poidades levala a cabo nas vosas casas. Trátase da ...

CROMATOGRAFÍA DAS FOLLAS

De seguro que escoitastes algunha vez iso de que as plantas son verdes porque teñen clorofila. Pero, que pasa coas plantas que non teñen follas verdes? non teñen clorofila? E que é iso da clorofila?...🤔

Científic@s, hora de investigar!


Para levar a cabo este sinxelo experimento ides necesitar:

  - Unha presada de espinacas

-   Unhas follas de lombarda

-  Alcohol etílico (do das feridas)

-  Papel de filtro (nós usamos filtros de café)

    - Outros materiais

dous morteiros, funil, coador, 

dous vasos de vidro, dous lapis e cinta adhesiva.  

    

PROCEDEMENTO

1. Retiramos os rabiños das follas de espinaca e cortámolas en anaquiños. Facemos o mesmo coas follas de lombarda.

2. Introducimos os distintos anaquiños en cadanseu morteiro e machacamos con alcohol.

3. Coa axuda dun funil e un coador vertemos o líquido obtido en cadanseu vasiño.

4. A continuación, recortamos dúas tiras de papel de filtro. Deixaremos cada tira pendurando dun lapis cun anaquiño de cinta adhesiva.

5. Por último, colocamos cada lapis enriba dun vasiño de tal xeito que o extremo da tira de filtro quede mollado no líquido.



RESULTADO E EXPLICACIÓN

Unha vez que os distintos pigmentos suban pola tira de filtro, retiramos o lapis coa tira e deixámolo secar.

Velaquí os resultados:

ESPINACA


LOMBARDA



E agora a explicación. Pero comecemos polo principio: que é a clorofila?

A clorofila é a responsable de absorber a luz do sol e transformala en enerxía para medrar. Esta substancia atópase no interior das células vexetais.

Cando machacamos as follas co morteiro, estamos a romper as estruturas celulares para liberar esa clorofila, que capturamos despois ao engadir o alcohol.

Pero, que pasa coa lombarda?? Por que non vemos a clorofila na tira de filtro? Non fai a fotosíntese? 

Tranquil@s! Ten unha explicación! Resulta que este tipo de col ten dous tipos de follas: as que botamos na ensalada (de cor morada) e as que medran arredor destas envolvéndoas. Adiviñades de cor son estas últimas? Efectivamente, esas follas que envolven a col son de cor verde! Así que, aí tedes a explicación: a planta da lombarda si que ten clorofila, pero non nas follas que lle botamos á ensalada😉

XA ESTAMOS DE VOLTA...

Querid@s Crespocientífic@😃 Aquí estamos de volta para un novo curso cheo de experimentos e aventuras científicas! Este curso 2025-2026 empe...