Moi boas, Crespocientífic@s!
Hoxe traémosvos dúas sinxelas, pero fascinantes actividades. Soamente ides necesitar materiais que de seguro xa tedes nas vosas casas.
Comezamos!
1. DESCOMPOSICIÓN QUÍMICA DO PERÓXIDO DE HIDRÓXENO
Xa sabemos o que estades a pensar😅: "Dixestes que eran sinxelas e xa nos perdemos no título!!"
Tranquil@s! Traducimos. O peróxido de hidróxeno é un composto químico de uso cotián coñecido polo seu poder branqueante e antiséptico. Exacto! falamos da auga osixenada.
Agora mellor, non? Estes son os materiais que ides necesitar:
- PERÓXIDO DE HIDRÓXENO (xa sabedes, auga osixenada😉)
- UN ANAQUIÑO DE PATACA CRÚA
- UN RECIPIENTE TRANSPARENTE
O procedemento é ben sinxelo. Enchemos o recipiente con peróxido de hidróxeno e introducimos o anaco de pataca crúa. Que sucederá?
Como podedes observar na imaxe, ao introducir a pataca fórmanse unhas burbullas, igual que cando botamos a auga osixenada nunha ferida. Pero agora xorden dúas preguntas:
1ª. ESAS BURBULLAS QUE SIGNIFICAN?
As burbullas que observamos son burbullas de osíxeno (O2) flotando nun líquido que xa non é auga osixenada (H2O2), se non que se está a transformar en auga pura (H2O). Polo tanto, agora dentro do recipiente temos por un lado osíxeno e por outro auga; é dicir, estamos a observar a DESCOMPOSICIÓN QUÍMICA DO PERÓXIDO DE HIDRÓXENO. O experimento foi un éxito👏👏👏
2ª. POR QUE SE FORMAN ESAS BURBULLAS?
Vale, agora queda explicar por que sucede así. É o turno da pataca. A pataca, igual que o sangue, contén unha enzima chamada catalasa. Esta enzima é a responsable de eliminar o peróxido de hidróxeno durante o metabolismo celular. Por iso observamos como se descompón en auga e osíxeno.
Interesante, va que si?😎
2. DEDO EN AUGA
Este título é bastante máis obvio, non?😅 Ben, trátase de formular hipóteses sobre a seguinte cuestión:
🤔Se afundimos un dedo nunha xerra de auga (sen tocar o fondo), a auga vai pesar máis, menos ou igual que antes de afundir o dedo?🤔
Estes son os materiais que ides necesitar para comprobar se as vosas hipóteses son acertadas.
- UNHA BÁSCULA ELÉCTRONICA (como a que tedes na cociña)
- UNHA XERRA OU UN VASO CON AUGA
O procedemento non ten misterio. Colocamos a xerra con auga enriba da báscula e anotamos o peso que marca. A continuación, antes de introducir o dedo sen tocar o fondo, formulamos as nosas hipóteses e comprobamos.
RESULTADO: A báscula marca un peso maior. Isto é debido a que, ao introducir o dedo na auga estamos a aplicar sobre ela unha forza (terceira lei de Newton). Esta forza coñecese coma empuxe. A báscula é sensible a esa forza de empuxe que estamos a aplicar e por iso o peso aparece modificado.