Boas, científicos e científicas!
Logo do parón do mes de decembro, arrincamos o novo ano preparando un obradoiro de reciclaxe de papel. Deste xeito, demos unha nova vida a toda esa cantidade de papel que se xunta nun aula ao longo do curso.
Queredes ver que tal se nos deu? Aquí vos deixamos unhas imaxes e as instrucións detalladas para que vos animedes a facelo na casa.
Estes son os MATERIAIS que ides precisar:
- papel usado
- tesoiras
- xerra
- coador grande
- batedor
- un balde grande
- un cadro de malla
- panos de algodón
- esponxa
- colorante (opcional)
- e auga, moita auga!
1. Cortar o papel en pequenos anaquiños.
Para nos aforrar traballo, nós pasámolo primeiro pola trituradora de Secretaría (grazas, Pili!😍) e despois cortamos as tiras en anaquiños.
2. Pór o papel a remollo.
Unha vez teñades o papel en anaquiños, collede unha presada e botádeo nunha xerra con bastante auga. Deixádeo a remollo polo menos unha hora.
3. Cambiarlle a auga.
Logo dun rato, a auga da vosa xerra quedará tinguida dunha cor moi pouco atractiva. Como non queremos o noso papel desa cor, cambiamos a auga coa axuda dun coador.
4. Engadir máis auga e triturar co batedor.
Como xa apuntamos antes, para reciclar o papel precisamos moooita auga. Antes de verter o voso papel mollado no batedor, asegurádevos de que na proporción auga-papel haxa máis auga que papel. Isto evitaravos dúas cousas: que queimedes o voso batedor, e que a vosa pasta quede demasiado espesa. Canto máis fina e diluída a pasta, máis fino resultará o noso papel.
Os curmáns Rubén e Yago preparan o seu batido de pasta de papel😋😜 |
Mirade que caras de fascinación!😂 |
5. Botar a mestura no balde e engadir o colorante.
Como a nosa pasta de papel tiña unha cor gris/rosada, engadímoslle colorante vermello para lle dar unha cor máis definida.
6. Introducir o cadro de malla no balde.
O cadro de malla ten dúas caras. Nunha delas o borde de madeira é máis groso que na outra. Debedes introducir o cadro con este lado cara abaixo.
7. Sacar o cadro e pousalo cara abaixo sobre o pano de algodón.
Así se coloca o cadro enriba do pano. Ben feito, Juana! |
8. Retirar a humidade sobrante coa esponxa e separar o cadro con moito coidado.
A parte de retirar o cadro de malla é a máis delicada. Se non o facedes con coidado, a folla pódevos romper.
9. Deixar secar e repetir o proceso tantas veces como follas querades preparar.
Rubén F, Gabriel e Yago, moi orgullosos do seu traballo😎 |
Tachán! Despois de secalo ben e recortarlle os bordes, este é o resultado. Non está mal, eh?😏 |
NON PERDADES A PRÓXIMA ENTRADA! LANZAREMOS UN PEQUENO FOGUETE CASEIRO EMPREGANDO ENERXÍAS LIMPAS!