domingo, 28 de mayo de 2023

 Boas, científicas e científicos!

Na entrada de hoxe imos deixarvos unhas imaxes do noso pequeno proxecto de horto escolar. 

Preparamos a horta nunha pequena mesa de cultivo onde os nenos e nenas plantaron tomates, leitugas e pementos. Ademais, engadimos testos e xardineiras nos que plantamos amorodos, remolachas e diferentes herbas aromáticas.

Traballamos arreo!!











Deica outra, amig@s!!

Na próxima entrada ímosvos ensinar a facer xeado sen conxelador. Non a perdades!

domingo, 7 de mayo de 2023

 Boas, científicas e científicos!

Na entrada de hoxe imos deixarvos dúas sinxelas experiencias que esperamos que vos gusten e vos animedes a realizalas nas vosas casas: a lámpada de lava e o filtro de auga caseiro. 

Tomade nota, que comezamos!


LÁMPADA DE LAVA

Materiais

- un frasco de vidro transparente

- auga

- colorante alimentario

- aceite

- pastilla efervescente

Procedemento

O procedemento é ben sinxelo:

1. Enchede o frasco ata a metade con auga e engadide unhas pingas de colorante para tinguila.

2. Completade o frasco con aceite.

3. Engadide a pastilla efervescente. Se tedes unha lámpada, enfocádea por baixo do frasco e apagade as luces do cuarto.... mola, non?😎








Explicación

Imos explicarvos en cinco pasiños o que sucede neste experimento:

1. AS DENSIDADES: 

Cando engadimos aceite no frasco observamos que non se mestura coa auga. O aceite queda arriba e a auga abaixo e, malia que intentemos remexer, non se mesturan. Isto é debido a que teñen distintas densidades: a auga é máis densa que o aceite, por iso este flota por riba da auga.

2. O GAS:

Ao engadir a pastilla efervescente dentro do frasco fórmase un gas chamado CO2 ou dióxido de carbono.

3. AS BURBULLAS

Este gas adhírese (pégase) a parte da auga coloreada formando burbullas de cor

4. A ASCENCIÓN

As burbullas de CO2, ao ser máis lixeiras que o líquido, ascenden pola auga e o aceite, creando o efecto dunha lámpada de lava.

5. DESCENSO

Cando as burbullas chegan á superficie explotan e a auga que contiñan recupera a súa densidade e cae ao fondo do frasco, onde novas burbullas comezan o ciclo outra vez.



FILTRO DE AUGA 

Como xa saben de sobra todas as nosas crespocientíficas e crespocientíficos, a auga é un ben imprescindible para todos os seres vivos, por iso é tan importante mantela limpa e non malgastala. 

Con esta actividade pretendemos concienciar sobre a súa importancia construíndo un filtro caseiro que nos permitirá reutilizar a auga que desbotamos.

Materiais

- Dúas botellas de plástico de 1,5 litros ou máis

- unha tesoira ou cutter

- un punzón

- MATERIAIS FILTRANTES: algodón, grava grosa, grava fina, carbón activado e area


"Vale, e iso todo onde se compra?" 

Nós conseguimos a maioría dos nosos materiais nun almacén de xardinería. O carbón activado conseguímolo na sección de mascotas, pois seica se usa tamén para manter limpos os acuarios.


Procedemento

Deste experimento realizamos dúas versións: 

A. Cunha pequena maqueta dun xogo de ciencias. Comprabamos a efectvidade con auga coloreada

B. Con materiais de refugallo coma os que vos detallamos na lista de materiais. Neste caso, empregamos a auga sucia das pozas do patio para comprobar a efectividade do filtro.

Ímosvos deixar primeiro coas imaxes e despois pasamos á descrición detallada dos pasos.

A. COA MAQUETA






B. COS MATERIAIS DE REFUGALLO






Como podedes observar, nos dous casos o filtro funcionou ben. Ao filtro caseiro, ao ser máis grande, levoulle moito máis tempo filtrar a auga; para que vos fagades unha idea, a foto final tivémola que sacar ao día seguinte. Pero non pensedes que iso é un inconvinte, todo o contrario! Canto máis lento filtra, máis limpiña queda a auga.

Tomade nota, que aí van as instrucións:

1. Usaremos dúas botellas: unha coma filtro e outra coma o recipiente de recollida. Á botella de filtro temos que cortarlle a parte inferior e perforarlle uns buratiños co punzón. Tamén perforaremos o tapón.

2. Á botella que imos usar de recipiente simplemente cortámoslle a parte da boca para que encaixe coa outra botella, que colocaremos cara abaixo introducíndoa na botella-recipiente. 

3. A continuación procedemos a engadir dentro do filtro (botella volteada) as distintas capas:
- algodón
- gravas
- carbón
- area

4. Por último, unha vez engadidas as capas todas, tapamos coa parte inferior da botella que recortamos e perforamos no primeiro paso (o cu da botella, para nos enterder). Engadimos a auga sucia e agardamos a que filtre.


Máis experimentos na próxima entrada! Vémonos!👋👋

XA ESTAMOS DE VOLTA...

Querid@s Crespocientífic@😃 Aquí estamos de volta para un novo curso cheo de experimentos e aventuras científicas! Este curso 2025-2026 empe...