Boas, científicas e científicos!
Na entrada de hoxe deixámosvos un sinxelo experimento co que comprobar a presenza de lípidos nos alimentos. Estades list@s? Tomade nota!
MATERIAIS
- frascos ou vasiños de vidro transparentes
- pipetas
- mostras de distintos alimentos
- alcohol
- auga
- utensilios de cociña: coitelos ou tesoiras, táboas de cortar, morteiro
PROCEDEMENTO
1. Machacar ou triturar os alimentos e botar unha pequena cantidade
en cada frasquiño.
2. Cubrir con alcohol e remexer.
3. Deixar asentar a mestura e extraer o líquido para outro frasco
coa axuda das pipetas.
4. Engadir auga. Se o líquido queda transparente, o alimento non ten graxa.
Se, pola contra, se volve turbio, significa que hai graxa.
A CIENCIA DETRÁS DA COCIÑA
Os lípidos ou graxas non se disolven na auga, pero si no alcohol.
Resultado coas mostras de magdalena, pepino e Cola-Cao |
Cando mesturamos os alimentos co alcohol conseguimos extraer as posibles mostras de graxa que puidera haber en cada un. Así, ao engadir a auga, a verdade sae a flote, porque a graxa flota na auga e non se disolve.
Hoxe para nos despedir ímosvos agasallar coas tomas falsas de Vega e Brais😂