Boas tardes, científicas e científicos!
Na entrada de hoxe compartiremos con vós a nosa primeira experiencia de CIENCIA NA COCIÑA. Trátase do proceso de elaboración da marmelada. Preparados/as? Comezamos!
INGREDIENTES E MATERIAIS
- 1kg de froitas ou hortalizas
(Nós preparamos dúas versións: a de cabaza e cenoria e a de pera e mazá...Deliciosas😋)
- 1/2kg de azucre aproximadamente
(Nós usamos un pouco menos, 400g)
- O zume dun limón (para a de froitas) ou dunha laranxa (para a de hortalizas)
- frascos de vidro coas súas tapas
- batedor (se non vos gustan os grumiños)
- pota, coitelos e culler
ELABORACIÓN
1. Lava, pela e corta as froitas ou hortalizas en pequenos anacos.
2. Mestura na pota a froita co azucre e o zume de limón ou laranxa e deixa macerar uns minutos. En canto, pon a ferver os frascos coas súas tapas para esterilizalos (15 minutos aprox.)
3. Pon a pota ao lume e deixa cocer ata que a froita ou as hortalizas queden brandiñas. Non te esquezas de remexer de cando en cando.
4. Se o desexas, tritura co batedor para que quede a textura homoxénea.
5. Envasa en quente e tapa.
A CIENCIA DETRÁS DA COCIÑA
PREGUNTA:
Por que ten a marmelada esa textura espesiña tipo xel que non aparece na froita nin nos zumes?
RESPOSTA:
A froita contén un tipo de glúcido coñecido coma pectina. Esta substancia funciona coma un axente xelificante que reacciona coa calor da cocción, o azucre e o ácido do limón ou a laranxa.
No hay comentarios:
Publicar un comentario