Boas, científicas e científicos!
Tal e como vos prometemos, na derradeira entrada deste curso imos ensinarvos a facer xeado sen conxelador. Un plan xenial para estas vacacións de verán, va que si?
Pois tomade nota, que comezamos!
INGREDIENTES E MATERIAIS
- 2 recipientes herméticos de tamaños distintos.
Nós usamos dúas bolsas de zip (grande e mediana), pero se preferides, podedes substituír a máis pequena por un tupper.
- xeo abondante (unha ou dúas bandexas)
- panos de cociña
- 3 ou 4 culleradas de sal ben colmadiñas
- Os ingredientes que prefirades para o voso xeado.
Nós usamos nata e azucre de vainilla, pero tamén funciona con zumes de froitas e batidos.
PROCEDEMENTO
1. Introduce na bolsa grande as pedras de xeo coas culleradas de sal.
3. Introduce o recipiente pequeno dentro do maior e pecha ben.
4. Agora envólveo cos panos de cociña. Isto é por segurdidade: o que se ten que conxelar é o xeado, non as túas mans😜
5. Preparad@s, list@s... a axitar!! Telo que mover con enerxía durante uns... 😱dez minutos!!😱 Así que será mellor que busques quen te axude; pasarédelo mellor e non vos ides agotar tanto. Un pouco de musiquiña marchosa tamén é boa idea porque sempre motiva👌
6. Pasado ese tempo, abride a bolsa e comprobade. Se aínda non solidificou, axitade un chisco máis. Prometemos que funciona!
EXPLICACIÓN
Pero, como sucede este delicioso milagre da natureza?? Pois este milagre en ciencia chamámolo reacción endotérmica.
O que aquí se produce é un intercambio de temperaturas e estados: o xeo fúndese e pasa a estado líquido mentres que os ingredientes do xeado arrefrían e solidifican.
O "culpable" disto non é outro que o sal. Para poder disolverse nun líquido o sal precisa calor, pero o xeo está frío, non?. Entón, porque o xeo funde igualmente e o sal queda disolto? Moi sinxelo: a calor que precisa o xeo para se disolver "absórbea" dos ingredientes do noso xeado. Así prodúcese o intercambio de temperaturas entre as dúas bolsas/recipientes: o xeo fúndese mentres que os ingredientes conxélanse.
Deliciosamente sinxelo!😋