miércoles, 1 de mayo de 2024

 Moi boas, Crespocientífic@s!

Tal e coma vos prometemos, na entrada de hoxe traemos un experimento para lle dar saída aos limóns que empregamos para facer a batería. Trátase dun...

TEST DE VITAMINA C

É ben sinxelo e pódese facer con materiais que, de seguro, xa tedes todos e todas nas vosas casas.

Velaquí os materiais:


Todo listo? Comezamos!


1. PREPARAMOS OS TRES FRASQUIÑOS

En cada frasquiño imos botar unha pequena mostra de cada líquido. No primeiro deles botaremos un pouco de auga e nos outros dous zume de limón e zume de laranxa respectivamente.


IMPORTANTE: Para non contaminar as probas debemos lavar ben o espremedor despois facer o zume de limón. Non queremos que o noso zume de laranxa conteña restos de limón que poidan alterar o resultado da proba.


2. BOTAMOS A SOLUCIÓN IODADA NA AUGA

Observamos que a auga queda pintada co color da solución iodada.


3. FACEMOS A PROBA CO ZUME DE LIMÓN

Botamos unhas pingas no zume e ao axitalo observamos que o zume non colle a cor da solución iodada. Seguimos a engadir pingas de iodo e imos contando cantas son necesarias para que o zume cambie de cor.

4. FACEMOS A PROBA COA LARANXA

Procedemos do mesmo xeito co zume de laranxa. Cantas pingas serán necesarias para pintar o noso zume? Máis que co limón ou menos?


RESULTADO E EXPLICACIÓN

En todos os casos, para pintar o zume de limón tivemos que engadir máis de 100 pingas e para pintar o de laranxa arredor de 90. 

🤔Pero iso que significa?🤔

Pois, para empezar, que o limón ten máis vitamina C. Resulta que o ácido ascórbico (é dicir, a vitamina C) produce unha reacción química ao entrar en contacto co iodo na que este último se transforma nunha solución incolora. 

Por este motivo, cando axitamos o zume para que se mesturen as dúas substancias non observamos que cambie de cor. É a "maxia" da vitamina C. 

Deste xeito, cantas máis pingas necesitemos para que o zume cambie de cor, máis vitamina C haberá neste.

Chulo, non si?😎

domingo, 28 de abril de 2024

 Que tal, Crespocientífic@s!

Na entrada de hoxe traémosvos unha actividade 🍋con limón🍋, así que ide abrindo a neveira ou baixando á horta (se tedes esa sorte de podelos coller da árbore) porque é MOI INTERESANTE!

BATERÍA CON LIMÓNS

Si, si! Lestes ben! Imos montar un circuito usando como batería o zume dos limóns - xa vos dixemos que era unha actividade moi interesante😉

Ben. Preparade os materiais. Isto é o que ides necesitar:


Comecemos!

1. PREPARAMOS OS LIMÓNS


Partimos os limóns á metade e practicamos un burato a cada lado do medio limón.
Nun dos buratos incrustamos a moeda e no outro o parafuso.




2. FACEMOS AS CONEXIÓNS COS CABLES CROCODILO

Aquí poñede atención. Trátase de facer un circuito conectando un limón con outro. Debedes enganchar un extremo do crocodilo na moeda dun limón e o outro extremo no parafuso doutro limón diferente. 


IMPORTANTE: O circuito non se pecha ata que o LED queda conectado. Polo tanto, deixaremos un crocodilo enganchado na última moeda e outro enganchado no último parafuso; pero non entre si! No medio destes dous irá conectado o LED.



3. CONECTAMOS A LUCIÑA LED

Lembrade: a patiña curta do LED é a negativa e a longa a positiva. O crocodilo que enganchamos no parafuso conéctase coa patiña curta e o crocodilo enganchado na moeda conéctase á patiña longa.



PERO... COMO É POSIBLE!!??

Pois moi sinxelo, Crespocientífic@s. Lembrades cando elaboramos a plasti condutora? Que ingredientes levaba?🤔

Exacto! Limón e sal! Estes dous ingredientes considéranse electrolitos porque permiten o paso da corrente eléctrica.

Ademais do electrolito, para que a batería funcione son necesarios dous electrodos; é dicir, dous metais condutores (moeda de cobre e parafuso de zinc).

Unha vez conectados electrolitos e electrodos, temos xa todo preparado para que a nosa batería funcione. A reacción química que acontece durante este proceso coñécese co nome de OXIDACIÓN-REDUCIÓN ou REDOX. 


😎Va que mola! Non vos perdades a próxima entrada. Nela ensinarémosvos outra actividade para aproveitar eses limóns que acabades de usar. NON SE VOS OCURRA COMELOS!

domingo, 7 de abril de 2024

Moi boas, Crespocientífic@s!

Hoxe traemos unha actividade sobre as plantas con materiais moi sinxelos para que poidades levala a cabo nas vosas casas. Trátase da ...

CROMATOGRAFÍA DAS FOLLAS

De seguro que escoitastes algunha vez iso de que as plantas son verdes porque teñen clorofila. Pero, que pasa coas plantas que non teñen follas verdes? non teñen clorofila? E que é iso da clorofila?...🤔

Científic@s, hora de investigar!


Para levar a cabo este sinxelo experimento ides necesitar:

  - Unha presada de espinacas

-   Unhas follas de lombarda

-  Alcohol etílico (do das feridas)

-  Papel de filtro (nós usamos filtros de café)

    - Outros materiais

dous morteiros, funil, coador, 

dous vasos de vidro, dous lapis e cinta adhesiva.  

    

PROCEDEMENTO

1. Retiramos os rabiños das follas de espinaca e cortámolas en anaquiños. Facemos o mesmo coas follas de lombarda.

2. Introducimos os distintos anaquiños en cadanseu morteiro e machacamos con alcohol.

3. Coa axuda dun funil e un coador vertemos o líquido obtido en cadanseu vasiño.

4. A continuación, recortamos dúas tiras de papel de filtro. Deixaremos cada tira pendurando dun lapis cun anaquiño de cinta adhesiva.

5. Por último, colocamos cada lapis enriba dun vasiño de tal xeito que o extremo da tira de filtro quede mollado no líquido.



RESULTADO E EXPLICACIÓN

Unha vez que os distintos pigmentos suban pola tira de filtro, retiramos o lapis coa tira e deixámolo secar.

Velaquí os resultados:

ESPINACA


LOMBARDA



E agora a explicación. Pero comecemos polo principio: que é a clorofila?

A clorofila é a responsable de absorber a luz do sol e transformala en enerxía para medrar. Esta substancia atópase no interior das células vexetais.

Cando machacamos as follas co morteiro, estamos a romper as estruturas celulares para liberar esa clorofila, que capturamos despois ao engadir o alcohol.

Pero, que pasa coa lombarda?? Por que non vemos a clorofila na tira de filtro? Non fai a fotosíntese? 

Tranquil@s! Ten unha explicación! Resulta que este tipo de col ten dous tipos de follas: as que botamos na ensalada (de cor morada) e as que medran arredor destas envolvéndoas. Adiviñades de cor son estas últimas? Efectivamente, esas follas que envolven a col son de cor verde! Así que, aí tedes a explicación: a planta da lombarda si que ten clorofila, pero non nas follas que lle botamos á ensalada😉

sábado, 30 de marzo de 2024

Volcán caseiro


Moi boas, Crespocientífic@s!

Na entrada de hoxe ímosvos compartir o vídeo da Doutora María e o Doutor Brais (de 5º de primaria) explicando, paso a paso, como elaborar un volcán caseiro. Non o perdades!



domingo, 17 de marzo de 2024

 Moi boas, Crespocientífic@s!

Na entrada de hoxe traémosvos un clásico dos experimentos caseiros: o volcán!

Tomade nota, que comezamos!


INGREDIENTES E MATERIAIS

- Unha plantilla en cartolina para lle dar a forma de montaña

- unha pequena botella de plástico sen tapón

- plastilina da cor que queirades

- pedriñas de acuario para decorar (opcional)

- pistola de pegamento

- tesoiras

- vinagre

- bicarbonato

- un funil (un embude, para nos entender😉)


ELABORACIÓN


1. DECORAMOS O EXTERIOR

Estendemos a plastilina pola superficie da plantilla, recortamos e pegamos coa pistola. 

Podemos decorar o noso volcán incrustrando na platsti unhas pedriñas de acuario (queda chulísimo; probade!😀)


2. PREPARAMOS A LAVA 

Unha vez teñamos listo o noso volcán colocamos dentro a botella de plástico e preparamos a lava. 

Enchemos a botella ata a metade con vinagre e, a continuación, coa axuda dun funil,  botamos bicarbonato ata conseguir unha erupción.


E outra vez... Velaí vai!



EXPLICACIÓN

Ben, como xa aprendemos coa Doutora Aitana e o Doutor Alejandro no último vídeo deste blog, o vinagre é un ácido e o bicarbonato unha base

O que sucede cando os mesturamos é que se produce unha reacción química que libera CO2 (dióxido de carbono). Este gas é o responsable das burbullas que se forman na nosa mestura e que "empuxan" a nosa lava para fóra.

Chulísimo, va que si?

domingo, 10 de marzo de 2024

 Aaaai! Como cheira a primavera! -malia que non pare de chover😅

Na última sesión os nosos mozos e mozas de 5º e 6º de Primaria arremangáronse xerseis e camisas para pór a punto a nosa hortiña.

Velaquí unhas imaxes das nosas xardineiras e xardineiros.

Bo traballo, moz@s!😊👏👏👏

miércoles, 6 de marzo de 2024

Zume máxico de lombarda 1709414120161


Que tal, Crespocientífic@s?

Na entrada de hoxe deixámosvos un vídeo da Doutora Aitana e o Doutor Alejandro explicando o experimento "zume máxico de lombarda".


https://youtu.be/ieXSOWh0zEg

Parabéns, doutores, por esta magnífica master class!👏👏👏



FABRICACIÓN DE XABÓNS

Boas Crespocientífic@s! A clase de 4º, 5º e 6º non para! A rapazada está a recadar diñeiro para a súa excursión de fin de curso. Para iso, e...