domingo, 7 de abril de 2024

Moi boas, Crespocientífic@s!

Hoxe traemos unha actividade sobre as plantas con materiais moi sinxelos para que poidades levala a cabo nas vosas casas. Trátase da ...

CROMATOGRAFÍA DAS FOLLAS

De seguro que escoitastes algunha vez iso de que as plantas son verdes porque teñen clorofila. Pero, que pasa coas plantas que non teñen follas verdes? non teñen clorofila? E que é iso da clorofila?...🤔

Científic@s, hora de investigar!


Para levar a cabo este sinxelo experimento ides necesitar:

  - Unha presada de espinacas

-   Unhas follas de lombarda

-  Alcohol etílico (do das feridas)

-  Papel de filtro (nós usamos filtros de café)

    - Outros materiais

dous morteiros, funil, coador, 

dous vasos de vidro, dous lapis e cinta adhesiva.  

    

PROCEDEMENTO

1. Retiramos os rabiños das follas de espinaca e cortámolas en anaquiños. Facemos o mesmo coas follas de lombarda.

2. Introducimos os distintos anaquiños en cadanseu morteiro e machacamos con alcohol.

3. Coa axuda dun funil e un coador vertemos o líquido obtido en cadanseu vasiño.

4. A continuación, recortamos dúas tiras de papel de filtro. Deixaremos cada tira pendurando dun lapis cun anaquiño de cinta adhesiva.

5. Por último, colocamos cada lapis enriba dun vasiño de tal xeito que o extremo da tira de filtro quede mollado no líquido.



RESULTADO E EXPLICACIÓN

Unha vez que os distintos pigmentos suban pola tira de filtro, retiramos o lapis coa tira e deixámolo secar.

Velaquí os resultados:

ESPINACA


LOMBARDA



E agora a explicación. Pero comecemos polo principio: que é a clorofila?

A clorofila é a responsable de absorber a luz do sol e transformala en enerxía para medrar. Esta substancia atópase no interior das células vexetais.

Cando machacamos as follas co morteiro, estamos a romper as estruturas celulares para liberar esa clorofila, que capturamos despois ao engadir o alcohol.

Pero, que pasa coa lombarda?? Por que non vemos a clorofila na tira de filtro? Non fai a fotosíntese? 

Tranquil@s! Ten unha explicación! Resulta que este tipo de col ten dous tipos de follas: as que botamos na ensalada (de cor morada) e as que medran arredor destas envolvéndoas. Adiviñades de cor son estas últimas? Efectivamente, esas follas que envolven a col son de cor verde! Así que, aí tedes a explicación: a planta da lombarda si que ten clorofila, pero non nas follas que lle botamos á ensalada😉

sábado, 30 de marzo de 2024

Volcán caseiro


Moi boas, Crespocientífic@s!

Na entrada de hoxe ímosvos compartir o vídeo da Doutora María e o Doutor Brais (de 5º de primaria) explicando, paso a paso, como elaborar un volcán caseiro. Non o perdades!



domingo, 17 de marzo de 2024

 Moi boas, Crespocientífic@s!

Na entrada de hoxe traémosvos un clásico dos experimentos caseiros: o volcán!

Tomade nota, que comezamos!


INGREDIENTES E MATERIAIS

- Unha plantilla en cartolina para lle dar a forma de montaña

- unha pequena botella de plástico sen tapón

- plastilina da cor que queirades

- pedriñas de acuario para decorar (opcional)

- pistola de pegamento

- tesoiras

- vinagre

- bicarbonato

- un funil (un embude, para nos entender😉)


ELABORACIÓN


1. DECORAMOS O EXTERIOR

Estendemos a plastilina pola superficie da plantilla, recortamos e pegamos coa pistola. 

Podemos decorar o noso volcán incrustrando na platsti unhas pedriñas de acuario (queda chulísimo; probade!😀)


2. PREPARAMOS A LAVA 

Unha vez teñamos listo o noso volcán colocamos dentro a botella de plástico e preparamos a lava. 

Enchemos a botella ata a metade con vinagre e, a continuación, coa axuda dun funil,  botamos bicarbonato ata conseguir unha erupción.


E outra vez... Velaí vai!



EXPLICACIÓN

Ben, como xa aprendemos coa Doutora Aitana e o Doutor Alejandro no último vídeo deste blog, o vinagre é un ácido e o bicarbonato unha base

O que sucede cando os mesturamos é que se produce unha reacción química que libera CO2 (dióxido de carbono). Este gas é o responsable das burbullas que se forman na nosa mestura e que "empuxan" a nosa lava para fóra.

Chulísimo, va que si?

domingo, 10 de marzo de 2024

 Aaaai! Como cheira a primavera! -malia que non pare de chover😅

Na última sesión os nosos mozos e mozas de 5º e 6º de Primaria arremangáronse xerseis e camisas para pór a punto a nosa hortiña.

Velaquí unhas imaxes das nosas xardineiras e xardineiros.

Bo traballo, moz@s!😊👏👏👏

miércoles, 6 de marzo de 2024

Zume máxico de lombarda 1709414120161


Que tal, Crespocientífic@s?

Na entrada de hoxe deixámosvos un vídeo da Doutora Aitana e o Doutor Alejandro explicando o experimento "zume máxico de lombarda".


https://youtu.be/ieXSOWh0zEg

Parabéns, doutores, por esta magnífica master class!👏👏👏



sábado, 17 de febrero de 2024

 Ola de novo, crespocientífic@s!

Na entrada de hoxe ímosvos amosar a electrólise dunha disolución de sal. 

😰" A electro-que???"😰- preguntarédesvos. Electrólise! É o proceso no que conseguimos separar os elementos dun composto (por exemplo, a auga con sal) empregando a electricidade.

Imos necesitar:

- un vaso de vidro transparente

- un par de cables crocodilo (deses con pinzas nos extremos) Nós usamos un vermello para o positivo e un negro para o negativo.

- unha pila de petaca (das cadradas)

- dúas minas de grafito (das que veñen dentro dos lapis)


Antes de comezar, un pequeno apunte recordatorio de química básica. Lembrade que a auga está composta por moléculas de hidróxeno (H) e osíxeno (O); e o sal leva moléculas de sodio (Na) e cloro (Cl).

Listos! Comecemos!


PROCEDEMENTO

1. Preparamos no vaso de vidro a nosa solución de auga (H2O) con sal (NaCl).

2. Enganchamos os cables crocodilo nos polos da nosa batería: o vermello no positivo e o negro no negativo para que sexan facilmente identificables.

3. Os extremos libres dos cables enganchámolos con cadansúa mina de grafito.

4. Xa temos listo o circuito. Toca introducir as minas no vaso coa solución salina e observar o que acontece.


RESULTADO E EXPLICACIÓN

Observamos que se forman burbullas arredor das dúas minas de grafito. Pero, que son esas burbullas?

No caso da mina conectada co polo negativo (cátodo, cable negro), as burbullas que se forman son hidróxeno gasoso. É dicir, que estamos a romper a estrutura da auga!

Pola outra banda, as burbullas formadas arredor da mina conectada co polo positivo (ánodo, cable vermello) son de cloruro gasoso. É dicir, que se está a romper a estrutura do sal!

Va que é incrible!😎 Pois iso non é todo! Que pasa con líquido que queda no vaso? Pois iso xa non é auga con sal, senón algo ben distinto. As burbullas de hidróxeno dan lugar á formación de ions de hidróxido, mentres que as de cloro liberan ions de hipoclorito (lexivia) Nin se vos ocorra bebelo!🙈😅


domingo, 4 de febrero de 2024

 Que tal, crespocientífic@s?

Na entrada de hoxe ímosvos propoñer experimentar coa ciencia na cociña cunha sinxela actividade para determinar, de forma rudimentaria, o grao de acidez das substancias. A esta actividade gústanos chamala...

💫ZUME MÁXICO DE LOMBARDA💫

Imos necesitar:

INGREDIENTES

- 6 follas de col lombarda (desa morada que se bota na ensalada)

- 1 litro de auga

- vinagre ou zume de limón

- bicarbonato

MATERIAIS

- 2 vasos transparentes

- batedor eléctrico

- coador

- espremedor (se usades o limón)

- unha culler


PROCEDEMENTO

1. Partimos coas mans as follas de lombarda en anacos máis pequenos.




2. Botamos os anacos de lombarda no batedor e engadimos o litro de auga.



3. Batemos e pasamos a mestura polo coador para extraer o zume.






4. Botamos un pouco de zume en cada vaso; máis ou menos pola metade.



5. Agora toca observar como reacciona a lombarda coas substancias moi ácidas. engadimos nun dos vasos un pouco de vinagre ou un chorriño de zume de limón.





6. No outro vaso probaremos a reacción da lombarda con substancias alcalinas, é dicir, con moi pouca acidez. Para iso engadimos neste vaso unhas culleradiñas de bicarbonato.




EXPLICACIÓN

Os pigmentos que dan a cor morada á lombarda chámanse ANTOCIANINAS. Como xa saberedes, a cor morada ou violeta resulta da combinación do vermello co azul. 

Resulta que estes pigmentos, as antocianinas, son moi sensibles ao grao de acidez das distintas substancias coas que entran en contacto. Así, ao engadir no noso zume substancias moi acedas coma o limón ou o vinagre, este vólvese vermello. En cambio, ao mesturalo con substancias alcalinas coma o bicarbonato o zume tórnase azul.

Alucinante, verdade?



FABRICACIÓN DE XABÓNS

Boas Crespocientífic@s! A clase de 4º, 5º e 6º non para! A rapazada está a recadar diñeiro para a súa excursión de fin de curso. Para iso, e...