Oooh! Que foi, crespicientífic@s!? Botades en falta un pouco de ciencia nestas datas sinaladas? Iso ten solución!
Hoxe imos despedir o ano coas nosas dúas últimas actividades de primaria e secundaria. Tomade nota, que comezamos!
1. Índice de refracción
O índice de refracción é a relación entre a velocidade da luz
no baleiro coa velocidade que que ten nun medio material (n =c/v).
Vale! Agora en cristiano😅: Os raios de luz que saen dos obxectos sofren desviacións dependendo do material que atravesen. Non é o mesmo observar un obxecto somerxido en auga que sen ela. (Agora mellor, non?)
Con este sinxelo experimento imos poder calcular o índice de refracción na auga e, polo tanto, a velocidade da luz neste medio. Interesante, non si?
Imos precisar:
- unha moeda
- un cristalizador ou outro recipiente
- auga
- unha regra.
Precisamos
un observador para ver a moeda da mesma forma, primeiro sobre auga e logo en
aire. O observador debe estar o máis inmóbil posible para evitar erros. Medindo
as distancias ás que son visibles a mesma moeda, podemos obter os ángulos de
incidencia e refracción por trigonometría para aplicar a lei de Snell. O valor
do índice de refracción do aire tomamos n =1.
2. Circuitos en papel (postal con luz)
Para levar a cabo esta sinxela e bonita actividade imos necesitar:
- Unha cartolina tamaño A4
- Pinturas (ceras, lápices, rotus... o que queirades)
- Un circuito impreso en papel
- Cinta de cobre adhesiva
- Unha luciña LED da cor que prefirades
- Unha batería de botón de 3v
- Tesoiras
- Pegamento
- Cinta adhesiva
- Cinta de dobre cara
2.1. Montar o circuito
O noso circuito debe ter DOUS PERCORRIDOS: un positivo e outro negativo, polo que empregaremos un anaco de cinta diferente para cada percorrido. Á hora de pegar a cinta no circuito é importante:
- NON CORTAR a cinta nas esquinas do circuito; debémola dobrar.
- Deixar un pequeno espazo entre o percorrido positivo e o negativo. Este será o sitio onde colocaremos o noso LED, que fixaremos con cinta adhesiva (lembrade: patiña curta ao negativo /patiña longa ao positivo)
Todo listo! Agora só falta engadir a fonte de enerxía para facelo funcionar, que será a nosa batería de botón. Esta batería ten que ir fixa nun dos extremos libres do circuito. Como nós escollemos o extremo negativo, pegamos con cinta de dobre cara o polo negativo da batería ao extremo negativo do circuito (respetade sempre as polaridades!)
Cando facemos coincidir o outro extremo do circuito coa batería a luciña acéndese (e nós aplaudimos😅, é inevitable😂)
- Dobramos a cartolina pola metade para lle dar a forma da postal.
- Debuxamos na portada. Nós escollemos debuxos de nadal, como arboriñas ou paisaxes nocturnas de aldeas.
Feliz ano, Crespicientífic@s!
No hay comentarios:
Publicar un comentario