domingo, 19 de junio de 2022

 Boas, científicas e científicos!

Na entrada de hoxe falarémosvos das últimas actividades que realizou o noso club de ciencias este curso. Son dúas:

Elaboración de candeas aromáticas

Forno solar caseiro

Comecemos coa primeira delas. 

Por que elaborar candeas? Que ten iso que ver co tema do desenvolvemento sostible do noso proxecto? 

Moi sinxelo, sendo este o ano mundial do vidro, quixemos implicar ao noso alumnado na reciclaxe e reutilización do mesmo e pensamos que empregar os frasquiños para elaborar candeas coas que agasallar ás súas familias era unha idea que de seguro os ía entusiasmar. E non nos trabucamos!

Estes son os materiais que ides necesitar:

ELABORACIÓN DE CANDEAS AROMÁTICAS

MATERIAIS

- Frasquiños de vidro (nós usamos os do iogur)

- Parafina e/ou cera de abellas

- Colorante específico, ou, no seu defecto, ceras das de pintar

- Mechas

- Aceites esenciais (para os aromas)

Para decorar: 

- Rotuladores especiais para vidro ou cola transparente e purpurina

PROCEDEMENTO

1. Decorar os frasquiños e colocar a mecha no interior

Gabriela e Aroa xa teñen todo listo.

2. Fundir a cera e engadir a cor desexada

Mentres fundimos a cera (neste caso, violeta),
os alumnos/as van escollendo a esencia que prefiren.

3. Verter nos frasquiños e engadir o aroma

Fixádevos ben: Kathy usa un pauciño furado para suxeitar a 
mecha e que non se mova de onde debe estar. 


Como podedes observar, outra opción é usar pinzas da roupa.

4. Fardar😎

Quedan chulas ou que?



FORNO SOLAR CASEIRO

MATERIAIS

- Caixa de cartón

(Pódese facer cunha soa caixa ou con dúas. Nós usamos unha moi xeitosa con dobre parede e tapa tipo libro... perfecta!)

- Material aillante: papel de xornal, la, pórex pan...

- Pintura negra e brochas ou pinceis

- Papel alumnio ou cartolina metalizada cor prata

- Cutter  

- Cinta adhesiva ou silicona quente

- Folla de vidro ou lámina de plástico transparente



PROCEDEMENTO

1. Preparar a estrutura

Na tapa da caixa abrimos unha especie de ventá que será a encargada de reflectir os raios do sol.

Para maior eficacia, entre as paredes da caixa introdúcese calquera dos materiais aillantes mencionados arriba.

Os nenos e nenas de 1º e 2º observan o deseño da estrutura


2. Pintar de negro e forrar a ventá reflectante

Grazas á actividade do mes anterior coa luz e o xeo, os nosos alumnos e alumnas xa tiñan moi claro por que o forno debía ser negro e non doutra cor.

Ainara, Mar, Íker e César moi ocupados pintando o forno.

Xa case está!


3. Apegar o vidro ou a lámina de plástico

Nós escollemos unha lámina de acetato porque o risco de que nos rachase o vidro no traslado Ourense-Padrenda era bastante alto.

A nosa Juana é unha profesional coa pistola de silicona😎


4. Comprobar se funciona 

As nosas científicas e científicos puxeron a fundir dous anacos de chocolate: un dentro do forno e outro fóra.


Quixemos medir a temperatura dentro e fóra do forno. Pero como usamos
un termómetro convencional que só marca até 45º, non nos foi moi útil😓


E onde nos falla a tecnoloxía usamos método manual😜
Como está de quente o forno, rapaces?


Agardando... "A paciencia é a nai da ciencia"😅


Deixamos a fundir os nosos chocolates durante a clase da tarde e, cando saímos coller o bus, o chocolate do forno fundira totalmente... pero o de fóra tamén🙈 Doutra vez haberá que probar un día de menos calor😂😂






martes, 31 de mayo de 2022

Boas, científicas e científicos!

Na entrada de hoxe resumirémosvos a actividade que fixemos o pasado mes de abril. Nela observamos os efectos da luz nas cores branca e negra.

Esta é unha actividade do máis sinxela que podedes facer nas vosas. Na lista que tedes a continuación aparecen os materiais necesarios para levala a cabo. 

MATERIAIS

- dous vasos do mesmo tamaño

- cartolinas branca e negra

- cinta adhesiva

- unha lanterna

- pedras de xeo

 Xa tedes todo? Pois logo, imos comezar!

PROCEDEMENTO

1. Forrar un dos vasos con cartolina branca e o outro coa de cor negra. 

Asegurade con cinta adhesiva e, ao rematar, colocade enriba do vaso branco unha tapa de cartolina branca. Facede o mesmo co vaso negro e un anaco de cartolina negra.

É importante que as vosas tapas sexan un pouco máis grandes que a circunferencia do vaso.

Podédela deixar así, como fixo Daniela.

Ou asegurala máis como fixeron Antonio e os seus compañeir@s.


2. Colocar unha pedra de xeo sobre cada un dos vasos e enfocar coa lanterna.

A profe Ana botounos unha man coa lanterna do seu teléfono

Aquí temos a Kathy enfocando coa lantrna no centro para que 
chegue a luz aos dous vasos.


3. Observar. Que xeo fundirá antes?


Mirade: Se vos fixades un pouco observaredes que na cartolina
negra hai máis auga que na branca. 

Brais e Álex moi concentrados na invetigación de Izan.


                                       CONCLUSIÓNS

Vale, comprobado: sobre o negro o xeo fúndese antes. pero, por que?

A luz compórtase de distintas maneiras sobre as cores: pode reflectirse ou "quedar absorbida". Sobre a cor branca a luz reflíctese; é coma se rebotase no obxecto que está a enfocar. 

En cambio, sobre a cor negra sucede o contrario, pois os raios de luz quedan "absorbidos" dentro desa cor producindo máis calor, o que fai que o xeo funda antes.

E isto para que nos serve? Pois ademais de comprobar que no verán andamos máis fresquiños vestidos de branco, agora tamén sabemos que unha casiña branca pode axudar a pagar a factura do aire acondicionado.😅 E se non, pensade: por que vai ser logo que nas zonas máis cálidas do Mediterráneo as casas son sempre branquiñas?



domingo, 1 de mayo de 2022

 Boas, científicas e científicos!

Na entrada de hoxe comentaremos brevemente as actividades desenvoltas durante o mes de marzo.

Comecemos!

ACTIVIDADE 1: Disección de flores

Para levar a cabo esta actividade dotamos aos nosos científicos e científicas dos seguintes materiais:

- pinzas

- cartolinas

- cinta adhesiva

- lupas dixitais

- flores naturais (nós usamos tulipáns e lirios)

Antes de comezar coa disección, demos un repasiño ás partes da flor.

Rubén F. e Santi xa o teñen estudiado👌

Unha vez resoltas as dúbidas, puxemos mans á obra.

Mirade os peques que curriños e que concentrados!😍
Aquí vemos a Mar, Ainara, Adriana, Juan e Íker.

Daniela atopou o pistilo👏👏
Juana e Brais moi concentrados



Antes de plasmar a disección nas cartolinas, observamos as distintas partes nas lupas dixitais.


María vai observar o talo
A profe Marianne axudando a Rubén V. a colocar a folla para observala mellor.
Mar colocando o pistilo para observalo na lupa dixital


Unha vez estudiadas as distintas partes da flor, procedemos a plasmar nas cartolinas os traballos de disección.


Íker súperconcentrado


Aquí temos a Iván preparando a súa composición

Unhas orientacións da profe Marianne para que a disección do lirio
de Rubén V e Leandro luza do máis artística.


E velaquí os resultados! Mirade que ben traballaron os nosos científicos e científicas😍


A disección de Mariña e María
O tulipán vermello de Brais e Juana
Antonio posa con Marianne. escolleron un caravel branco.
Gabriela e Aroa traballaron co lirio
Kathy amósanos o seu traballo co lirio branco.

A disección do tulipán rosa de Talia e Daniela



ACTIVIDADE 2: Circuitos eléctricos


O obxectivo desta actividade era familiarizar ás nenas e nenos cos elementos básicos dun circuito eléctrico.

Para desenvolver esta actividade valémonos tanto de pequenos kits de aprendizaxe con lanterna e/ou vibrador (dispoñibles en tendas de electrónica), coma de xogos especificamente ideados para este fin.

Velaquí unhas imaxes de como se divertiron as nosas científicas e científicos con esta actividade.

Mar, Ainara e Juan traballan nos seus circuitos coas orientacións
da profe Marianne.
Antonio, Aitana e Ainhoa pasárono en grande

Adriana, César, Talia e Daniela escoitan moi atentos as explicacións

Adriana e César montan o seu primeiro circuito

Xoel e Rubén F. traballando no circuito dos sons
Mariña, María, Brais e Juana experimentando

Noa e Candela "aluzinadas"😂😂




E ata aquí por hoxe! Máis experimentos na próxima entrada
Adeus!👋👋



domingo, 24 de abril de 2022

 Boas, científicos e científicas!

 Velaquí o vídeo que vos prometemos explicando o funcionamento do foguete  ecolóxico.


Graciñas a Noa e a Candela pola súa colaboración!😍

martes, 1 de marzo de 2022

Boas, científicas e científicos!

Como xa prometemos na última entrada, imos ensinarvos como fixemos para facer despegar un pequeno foguete caseiro empregando unicamente enerxías limpas.

Velaquí van as instrucións e os materiais do noso proxecto durante o mes de febreiro.

MATERIAIS:

- Unha botella de plástico de 1,5l ou de 2l (nós usámolas de 2l)

- Goma-eva, tesoiras e pistola de termofusión (para decorar)

- Un tapón de cortiza

- Un inflador

- Un soporte con patas e un burato para colocar a botella (nós usamos a base dunha fondue)

- Auga

PROCEDEMENTO

1. Decora o teu foguete

Retira o tapón da botella e decora o teu foguete coas láminas de goma-eva. 

É importante colocar a botella cara abaixo. A punta do foguete debe estar na parte inferior da botella, para que o "tubo de escape" coincida coa boca da botella.

De esquerda a dereita: Mariña, Aitana, Irina e Izan

Borja, Juana, a profe Marianne, Antonio, Brais e Álex.

Mar, Juan, Íker, Daniela e César Agustín

2. Bota o combustible

Unha vez teñades decorado o voso foguete hai que lle botar o combustible. Con encher a botella con auga (si, so auga!) ata 1/3 da súa capacidade será suficiente.

3. Tapa coa cortiza e colócao na base

Atent@s! Esta é a parte delicada. 

Para facelo ben, pasade primeiro a válvula do inflador por debaixo do voso soporte para que asome polo burato deste. Unha vez colocada a válvula, encaixade o tapón de cortiza na agulla e pechade a botella. Debe quedar ben hermética.



4. Bombea

Cinco... catro... tres... dous... un...

Despeguen!


Talia preparándose para facelo despegar.

Juan quere mandalo ben alto e bombea con enerxía.

O lanzamento de Borja deixouno enchoupado, pobre😅


Irina a punto de facer despegar o foguete

Coidado, Aarón! Que salpica!

Tócache, Antonio! Mándao ben alto!

Preparada, Melanie? Dálle!



😱PERO, COMO É POSIBLE??😱

Cando bombeamos o aire dentro do foguete, este aire comeza a exercer sobre a auga unha presión que vai aumentando a medida que bombeamos. Esta presión expándese por toda a botella ata que rompe polo punto máis débil: a cortiza.

Cando isto sucede, a auga "escapa disparada" contra o chan (xa vistes como empapamos o patio🙈 ), producindo un efecto contrario no noso foguete, que "escapa disparado" cara o ceo.

Xa o dicía Newton na súa terceira lei: 

Se un corpo A exerce unha presión sobre outro corpo B, este realiza sobre A outra acción igual e de sentido contrario.

Que foi? Non entendestes nada? 
Vale, non vos preocupedes. Na seguinte entrada subiremos un vídeo das doutoras Noa e Candela, de 6º de primaria, explicándovos o que sucede dentro do foguete e vaivos quedar clarísimo👌





FABRICACIÓN DE XABÓNS

Boas Crespocientífic@s! A clase de 4º, 5º e 6º non para! A rapazada está a recadar diñeiro para a súa excursión de fin de curso. Para iso, e...