Boas, científicas e científicos!
Como xa prometemos na última entrada, imos ensinarvos como fixemos para facer despegar un pequeno foguete caseiro empregando unicamente enerxías limpas.
Velaquí van as instrucións e os materiais do noso proxecto durante o mes de febreiro.
MATERIAIS:
- Unha botella de plástico de 1,5l ou de 2l (nós usámolas de 2l)
- Goma-eva, tesoiras e pistola de termofusión (para decorar)
- Un tapón de cortiza
- Un inflador
- Un soporte con patas e un burato para colocar a botella (nós usamos a base dunha fondue)
- Auga
PROCEDEMENTO
1. Decora o teu foguete
Retira o tapón da botella e decora o teu foguete coas láminas de goma-eva.
É importante colocar a botella cara abaixo. A punta do foguete debe estar na parte inferior da botella, para que o "tubo de escape" coincida coa boca da botella.
 |
| De esquerda a dereita: Mariña, Aitana, Irina e Izan |
 |
| Borja, Juana, a profe Marianne, Antonio, Brais e Álex. |
 |
| Mar, Juan, Íker, Daniela e César Agustín |
2. Bota o combustible
Unha vez teñades decorado o voso foguete hai que lle botar o combustible. Con encher a botella con auga (si, so auga!) ata 1/3 da súa capacidade será suficiente.
3. Tapa coa cortiza e colócao na base
Atent@s! Esta é a parte delicada.
Para facelo ben, pasade primeiro a válvula do inflador por debaixo do voso soporte para que asome polo burato deste. Unha vez colocada a válvula, encaixade o tapón de cortiza na agulla e pechade a botella. Debe quedar ben hermética.
4. Bombea
Cinco... catro... tres... dous... un...
Despeguen!
 |
| Talia preparándose para facelo despegar. |
 |
| Juan quere mandalo ben alto e bombea con enerxía. |
 |
| O lanzamento de Borja deixouno enchoupado, pobre😅 |
 |
| Irina a punto de facer despegar o foguete |
 |
| Coidado, Aarón! Que salpica! |
 |
| Tócache, Antonio! Mándao ben alto! |
 |
| Preparada, Melanie? Dálle! |
😱PERO, COMO É POSIBLE??😱
Cando bombeamos o aire dentro do foguete, este aire comeza a exercer sobre a auga unha presión que vai aumentando a medida que bombeamos. Esta presión expándese por toda a botella ata que rompe polo punto máis débil: a cortiza.
Cando isto sucede, a auga "escapa disparada" contra o chan (xa vistes como empapamos o patio🙈 ), producindo un efecto contrario no noso foguete, que "escapa disparado" cara o ceo.
Xa o dicía Newton na súa terceira lei:
Se un corpo A exerce unha presión sobre outro corpo B, este realiza sobre A outra acción igual e de sentido contrario.
Que foi? Non entendestes nada?
Vale, non vos preocupedes. Na seguinte entrada subiremos un vídeo das doutoras Noa e Candela, de 6º de primaria, explicándovos o que sucede dentro do foguete e vaivos quedar clarísimo👌