viernes, 23 de junio de 2023

Boas, científicas e científicos!

Tal e como vos prometemos, na derradeira entrada deste curso imos ensinarvos a facer xeado sen conxelador. Un plan xenial para estas vacacións de verán, va que si?

Pois tomade nota, que comezamos!


INGREDIENTES E MATERIAIS


- 2 recipientes herméticos de tamaños distintos

Nós usamos dúas bolsas de zip (grande e mediana), pero se preferides, podedes substituír a máis pequena por un tupper.

- xeo abondante (unha ou dúas bandexas)

- panos de cociña

- 3 ou 4 culleradas de sal ben colmadiñas

- Os ingredientes que prefirades para o voso xeado. 

Nós usamos nata e azucre de vainilla, pero tamén funciona con zumes de froitas e batidos.


PROCEDEMENTO

1. Introduce na bolsa grande as pedras de xeo coas culleradas de sal.




2. No recipiente pequeno verte os ingredientes do xeado e asegúrate de que quede ben pechado.


3. Introduce o recipiente pequeno dentro do maior e pecha ben.

4. Agora envólveo cos panos de cociña. Isto é por segurdidade: o que se ten que conxelar é o xeado, non as túas mans😜

5. Preparad@s, list@s... a axitar!! Telo que mover con enerxía durante uns... 😱dez minutos!!😱 Así que será mellor que busques quen te axude; pasarédelo mellor e non vos ides agotar tanto. Un pouco de musiquiña marchosa tamén é boa idea porque sempre motiva👌




6. Pasado ese tempo, abride a bolsa e comprobade. Se aínda non solidificou, axitade un chisco máis. Prometemos que funciona!




EXPLICACIÓN


Pero, como sucede este delicioso milagre da natureza?? Pois este milagre en ciencia chamámolo reacción endotérmica. 

O que aquí se produce é un intercambio de temperaturas e estados: o xeo fúndese e pasa a estado líquido mentres que os ingredientes do xeado arrefrían e solidifican. 

O "culpable" disto non é outro que o sal. Para poder disolverse nun líquido o sal precisa calor, pero o xeo está frío, non?. Entón, porque o xeo funde igualmente e o sal queda disolto? Moi sinxelo: a calor que precisa o xeo para se disolver "absórbea" dos ingredientes do noso xeado. Así prodúcese o intercambio de temperaturas entre as dúas bolsas/recipientes: o xeo fúndese mentres que os ingredientes conxélanse.


Deliciosamente sinxelo!😋

domingo, 28 de mayo de 2023

 Boas, científicas e científicos!

Na entrada de hoxe imos deixarvos unhas imaxes do noso pequeno proxecto de horto escolar. 

Preparamos a horta nunha pequena mesa de cultivo onde os nenos e nenas plantaron tomates, leitugas e pementos. Ademais, engadimos testos e xardineiras nos que plantamos amorodos, remolachas e diferentes herbas aromáticas.

Traballamos arreo!!











Deica outra, amig@s!!

Na próxima entrada ímosvos ensinar a facer xeado sen conxelador. Non a perdades!

domingo, 7 de mayo de 2023

 Boas, científicas e científicos!

Na entrada de hoxe imos deixarvos dúas sinxelas experiencias que esperamos que vos gusten e vos animedes a realizalas nas vosas casas: a lámpada de lava e o filtro de auga caseiro. 

Tomade nota, que comezamos!


LÁMPADA DE LAVA

Materiais

- un frasco de vidro transparente

- auga

- colorante alimentario

- aceite

- pastilla efervescente

Procedemento

O procedemento é ben sinxelo:

1. Enchede o frasco ata a metade con auga e engadide unhas pingas de colorante para tinguila.

2. Completade o frasco con aceite.

3. Engadide a pastilla efervescente. Se tedes unha lámpada, enfocádea por baixo do frasco e apagade as luces do cuarto.... mola, non?😎








Explicación

Imos explicarvos en cinco pasiños o que sucede neste experimento:

1. AS DENSIDADES: 

Cando engadimos aceite no frasco observamos que non se mestura coa auga. O aceite queda arriba e a auga abaixo e, malia que intentemos remexer, non se mesturan. Isto é debido a que teñen distintas densidades: a auga é máis densa que o aceite, por iso este flota por riba da auga.

2. O GAS:

Ao engadir a pastilla efervescente dentro do frasco fórmase un gas chamado CO2 ou dióxido de carbono.

3. AS BURBULLAS

Este gas adhírese (pégase) a parte da auga coloreada formando burbullas de cor

4. A ASCENCIÓN

As burbullas de CO2, ao ser máis lixeiras que o líquido, ascenden pola auga e o aceite, creando o efecto dunha lámpada de lava.

5. DESCENSO

Cando as burbullas chegan á superficie explotan e a auga que contiñan recupera a súa densidade e cae ao fondo do frasco, onde novas burbullas comezan o ciclo outra vez.



FILTRO DE AUGA 

Como xa saben de sobra todas as nosas crespocientíficas e crespocientíficos, a auga é un ben imprescindible para todos os seres vivos, por iso é tan importante mantela limpa e non malgastala. 

Con esta actividade pretendemos concienciar sobre a súa importancia construíndo un filtro caseiro que nos permitirá reutilizar a auga que desbotamos.

Materiais

- Dúas botellas de plástico de 1,5 litros ou máis

- unha tesoira ou cutter

- un punzón

- MATERIAIS FILTRANTES: algodón, grava grosa, grava fina, carbón activado e area


"Vale, e iso todo onde se compra?" 

Nós conseguimos a maioría dos nosos materiais nun almacén de xardinería. O carbón activado conseguímolo na sección de mascotas, pois seica se usa tamén para manter limpos os acuarios.


Procedemento

Deste experimento realizamos dúas versións: 

A. Cunha pequena maqueta dun xogo de ciencias. Comprabamos a efectvidade con auga coloreada

B. Con materiais de refugallo coma os que vos detallamos na lista de materiais. Neste caso, empregamos a auga sucia das pozas do patio para comprobar a efectividade do filtro.

Ímosvos deixar primeiro coas imaxes e despois pasamos á descrición detallada dos pasos.

A. COA MAQUETA






B. COS MATERIAIS DE REFUGALLO






Como podedes observar, nos dous casos o filtro funcionou ben. Ao filtro caseiro, ao ser máis grande, levoulle moito máis tempo filtrar a auga; para que vos fagades unha idea, a foto final tivémola que sacar ao día seguinte. Pero non pensedes que iso é un inconvinte, todo o contrario! Canto máis lento filtra, máis limpiña queda a auga.

Tomade nota, que aí van as instrucións:

1. Usaremos dúas botellas: unha coma filtro e outra coma o recipiente de recollida. Á botella de filtro temos que cortarlle a parte inferior e perforarlle uns buratiños co punzón. Tamén perforaremos o tapón.

2. Á botella que imos usar de recipiente simplemente cortámoslle a parte da boca para que encaixe coa outra botella, que colocaremos cara abaixo introducíndoa na botella-recipiente. 

3. A continuación procedemos a engadir dentro do filtro (botella volteada) as distintas capas:
- algodón
- gravas
- carbón
- area

4. Por último, unha vez engadidas as capas todas, tapamos coa parte inferior da botella que recortamos e perforamos no primeiro paso (o cu da botella, para nos enterder). Engadimos a auga sucia e agardamos a que filtre.


Máis experimentos na próxima entrada! Vémonos!👋👋

lunes, 10 de abril de 2023

 Boas tardes, científicas e científicos!

Na entrada de hoxe deixámosvos dúas sinxelísimas actividades que de seguro vos van encantar e que ides querer probar nas vosas casas: a proba do almidón e a cirstalización do azucre. Comecemos!


1. PROBA DO ALMIDÓN

Ingredientes e Materiais

- diferentes mostras de alimentos

- vasiños de vidro transparentes

- auga

- soulción iodada (Betadine ou similar)

- utensilios de cociña (coitelo, táboa de cortar e morteiro)

Procedemento

Antes de comezar explicamos aos nenos e nenas que era o almidón e como se emprega na cociña como ingrediente espesante. Unha vez postos en contexto, puxemos mans á obra.

1. PREPARAR AS MOSTRAS E FORMULAR AS NOSAS HIPÓTESES

Para preparar as mostras cortamos e/ou trituramos os distintos alimentos e vertemos cada un nun vasiño distinto cun pouco de auga.






2. ENGADIR A SOLUCIÓN IODADA E OBSERVAR OS RESULTADOS

Engadimos unhas pingas de Betadine ou solución iodada en cada frasquiño. Se a mostra se tingue dunha cor entre o azul escuro e o violeta, concluiremos o alimento contén almidón.





Resultados e Explicación

Tras o experimento concluimos que a maior parte das froitas e verduras non presentan almidón (agás excepcións coma o brócoli, a pataca, a cenoria ou o plátano). Outros alimentos coma o arroz, o pan e pasta si presentan moito almidón en tinguen as mostras enseguida.

Pero, por que se volven violetas??

As moléculas do almidón están compostas por unha substancia chamada amilosa. esta substancia presenta unha cor azulada, que ao xuntarse coas moléculas de iodo (vermellas) produce esa cor violeta.

A proba do almidón tamén é empregada para determinar o grao de maduración dos froitos: canto máis verdes, máis almidón conteñen. Isto é debido a que no proceso de maduración unha parte importante dese almidón queda transformado en azúcares.


2. CRISTALIZACIÓN DO AZUCRE. PIRULETAS

Ingredientes e Materiais

- 1 vaso de auga 

- 3 ou 4 vasos de azucre 

- Colorante alimentario 

- Pauciños de xeado 

- Pinzas da roupa 

- Vasos e pratos 

- Unha pota e unha culler 

- Papel aluminio

Procedemento

1. PREPARAMOS O XAROPE

Quentamos na pota o vasiño de auga sen que che a ferver e imos engadindo pouco e pouco os vasiños de azucre ata que se disolvan. Cando observemos que a mestura non acepta máis azucre porque non se disolve, teremos listo o noso xarope.




2. MOLLAMOS OS PAUCIÑOS NO XAROPE E DEIXÁMOLOS A SECAR

Despois de mollar cada un dos pauciños na pota do xarope pómolos a secar enriba dun prato. Para que os pauciños non queden pegados ao prato colocarémolos de pé enriba do prato suxeitos por pinzas da roupa na súa base.





Antes de continuar co seguinte paso, comprobade que o xarope non arrefiara demasiado. Debe estar tibio, se arrefriou moito, póñedeo a quecer un pouco outra vez.


3. VOLCAMOS O XAROPE NOS VASIÑOS E ENGADIMOS O COLORANTE



4. METEMOS OS PAUCIÑOS NOS VASOS E CUBRIMOS CON PAPEL ALUMINIO

Os pauciños deben quedar en suspensión dentro dos vasos; é dicir, sen tocar o fondo. Axudádevos das pinzas da roupa para regularlle a altura a cada un.



Resultado e Explicación

O xarope que elaboramos ao quentar a auga co azucre é unha disolución sobresaturada, o que significa que contén máis azucre do que se pode disolver a temperatura ambiente (sen quecer). 

A medida que o xarope enfría, o azucre vai abandonando a disolución para adherirse no pauciño previamente bañado no xarope, o que produce un “efecto chamada” para a formación dos cristais.

Mirade que chulo!




domingo, 2 de abril de 2023

 Boas, científicas e cinetíficos!

Na entrada de hoxe imos mostrarvos como elaborar plastilina condutora.

É moi sinxelo. Tomade nota! Estes son os ingredientes que ides necesitar


INGREDIENTES

- 100g de fariña

- 100ml de auga

- o zume de 2 limóns

- 2 culleradas de sal

- unha cullerada de aceite

- colorante alimentario


PROCEDEMENTO

1. Mestura todos os ingredientes nunha pota e remexe ata obter unha pasta homoxénea.


2. Pon a quentar a masa ata que se forme unha bóla dura no centro da pota.

3. Amasa nunha táboa de cociña, engadindo fariña ata que quede suave e non se che peque nas mans.


LISTO! TOCA PROBALA PARA VER SE FUNCIONA:

Nós fixemos coa plasti unha especie de torta de aniversario na que as candeas eran lámpadas LED de 1,5v

Estes foron os materiais que empregamos:

- Un tapón de plástico

- un porta-pilas con 4 baterías de 1,5v ou ben unha única batería de 4,5v ou máis co seu porta-pilas

- 3 luciñas LED de 1,5v

Procedemento:

1. Fai unha bóla cun pouco de plasti e introdúcea no interior do tapón.

2. Con outro anaco de plastilina fai un churro que envolva por fóra o tapón. É importante que a plasti do interior do tapón e a do exterior non se toquen.



3. Conecta as pilas. Aquí debes pór atención. O porta-pilas leva dous cables: un negro (negativo) e outro vermello (positivo). Conecta un deles no churro e outro no interior do tapón.


4. Coloca os LED. Estas luciñas teñen dous extremos en forma de patiñas: unha máis longa (positiva) e outra máis curta (negativa). Respeta a mesma orde que usaches cos cables para que quede conectado POSITIVO CON POSITIVO e NEGATIVO CON NEGATIVO

Tachán!

🎵Parabéns para ti

Nesta data querida!🎵


domingo, 26 de febrero de 2023

 Boas, científicas e científicos!

Na entrada de hoxe imos deixarvos algunhas imaxes e vídeos sobre as nosas primeiras experiencias na programación empregando a praca "makey-makey". Divertidísimo! 


Familiarizándonos coa estrutura do programa


Facendo as conexións do noso teclado

Xogando coa conductividade de distintos elementos
















😂😂Prometemos que ningunha nena nin neno resultou ferido durante a actividade!😂 Pero si que o pasaron en grande!




Se vós tamén queredes xogar nas vosas casas estes son os materiais que ides necesitar:

- Unha praca "makey-makey" (ten un custo aproximado de 20 euros e adoita vir xa coas pinzas de crocodilo para facer as conexións)

- Un ordenador co programa Scratch

Nós empregamos tamén un altavoz con bluetooth para amplificar o son, pero realmente, non é necesario.




FABRICACIÓN DE XABÓNS

Boas Crespocientífic@s! A clase de 4º, 5º e 6º non para! A rapazada está a recadar diñeiro para a súa excursión de fin de curso. Para iso, e...