domingo, 31 de diciembre de 2023

Oooh! Que foi, crespicientífic@s!? Botades en falta un pouco de ciencia nestas datas sinaladas? Iso ten solución!

Hoxe imos despedir o ano coas nosas dúas últimas actividades de primaria e secundaria. Tomade nota, que comezamos!


1. Índice de refracción

O índice de refracción é a relación entre a velocidade da luz no baleiro coa velocidade que que ten nun medio material (n =c/v).😕

Vale! Agora en cristiano😅: Os raios de luz que saen dos obxectos sofren desviacións dependendo do material que atravesen. Non é o mesmo observar un obxecto somerxido en auga que sen ela. (Agora mellor, non?)

Con este sinxelo experimento imos poder calcular o índice de refracción na auga e, polo tanto, a velocidade da luz neste medio. Interesante, non si?

Imos precisar:

- unha moeda

- un cristalizador ou outro recipiente

- auga

- unha regra.

Precisamos un observador para ver a moeda da mesma forma, primeiro sobre auga e logo en aire. O observador debe estar o máis inmóbil posible para evitar erros. Medindo as distancias ás que son visibles a mesma moeda, podemos obter os ángulos de incidencia e refracción por trigonometría para aplicar a lei de Snell. O valor do índice de refracción do aire tomamos n =1.



Impresionante, non?😮


2. Circuitos en papel (postal con luz)

Para levar a cabo esta sinxela e bonita actividade imos necesitar:

- Unha cartolina tamaño A4 

- Pinturas (ceras, lápices, rotus... o que queirades)

- Un circuito impreso en papel

- Cinta de cobre adhesiva

- Unha luciña LED da cor que prefirades

- Unha batería de botón de 3v

- Tesoiras

- Pegamento

- Cinta adhesiva

- Cinta de dobre cara

2.1. Montar o circuito


O noso circuito debe ter DOUS PERCORRIDOS: un positivo e outro negativo, polo que empregaremos un anaco de cinta diferente para cada percorrido. Á hora de pegar a cinta no circuito é importante:

        - NON CORTAR a cinta nas esquinas do circuito; debémola dobrar.


      - Deixar un pequeno espazo entre o percorrido positivo e o negativo. Este         será o sitio onde colocaremos o noso LED, que fixaremos con cinta adhesiva          (lembrade: patiña curta ao negativo /patiña longa ao positivo)


Todo listo! Agora só falta engadir a fonte de enerxía para facelo funcionar, que será a nosa batería de botón. Esta batería ten que ir fixa nun dos extremos libres do circuito. Como nós escollemos o extremo negativo, pegamos con cinta de dobre cara o polo negativo da batería ao extremo negativo do circuito (respetade sempre as polaridades!)

Cando facemos coincidir o outro extremo do circuito coa batería a luciña acéndese (e nós aplaudimos😅, é inevitable😂)



2.2. Montar a postal

  1. Dobramos a cartolina pola metade para lle dar a forma da postal.
  2. Debuxamos na portada. Nós escollemos debuxos de nadal, como arboriñas ou paisaxes nocturnas de aldeas.
    3. Perforamos coa axuda dun punzón ou dun lapiz a parte do debuxo que              queremos que se alumee. Podemos facer, por exemplo, un pequeno buratiño         na estrela da árbore

4. Pegamos o circuito no interior da postal facendo coincidir a luciña co burato. Listo!



Va que molan!😎

Feliz ano, Crespicientífic@s!


No hay comentarios:

Publicar un comentario