Boas, científicas e científicos!
Na entrada de hoxe imos deixarvos dúas sinxelas experiencias que esperamos que vos gusten e vos animedes a realizalas nas vosas casas: a lámpada de lava e o filtro de auga caseiro.
Tomade nota, que comezamos!
LÁMPADA DE LAVA
Materiais
- un frasco de vidro transparente
- auga
- colorante alimentario
- aceite
- pastilla efervescente
Procedemento
O procedemento é ben sinxelo:
1. Enchede o frasco ata a metade con auga e engadide unhas pingas de colorante para tinguila.
2. Completade o frasco con aceite.
3. Engadide a pastilla efervescente. Se tedes unha lámpada, enfocádea por baixo do frasco e apagade as luces do cuarto.... mola, non?😎
Explicación
Imos explicarvos en cinco pasiños o que sucede neste experimento:
1. AS DENSIDADES:
Cando engadimos aceite no frasco observamos que non se mestura coa auga. O aceite queda arriba e a auga abaixo e, malia que intentemos remexer, non se mesturan. Isto é debido a que teñen distintas densidades: a auga é máis densa que o aceite, por iso este flota por riba da auga.
2. O GAS:
Ao engadir a pastilla efervescente dentro do frasco fórmase un gas chamado CO2 ou dióxido de carbono.
3. AS BURBULLAS
Este gas adhírese (pégase) a parte da auga coloreada formando burbullas de cor
4. A ASCENCIÓN
As burbullas de CO2, ao ser máis lixeiras que o líquido, ascenden pola auga e o aceite, creando o efecto dunha lámpada de lava.
5. DESCENSO
Cando as burbullas chegan á superficie explotan e a auga que contiñan recupera a súa densidade e cae ao fondo do frasco, onde novas burbullas comezan o ciclo outra vez.
FILTRO DE AUGA
Como xa saben de sobra todas as nosas crespocientíficas e crespocientíficos, a auga é un ben imprescindible para todos os seres vivos, por iso é tan importante mantela limpa e non malgastala.
Con esta actividade pretendemos concienciar sobre a súa importancia construíndo un filtro caseiro que nos permitirá reutilizar a auga que desbotamos.
Materiais
- Dúas botellas de plástico de 1,5 litros ou máis
- unha tesoira ou cutter
- un punzón
- MATERIAIS FILTRANTES: algodón, grava grosa, grava fina, carbón activado e area
"Vale, e iso todo onde se compra?"
Nós conseguimos a maioría dos nosos materiais nun almacén de xardinería. O carbón activado conseguímolo na sección de mascotas, pois seica se usa tamén para manter limpos os acuarios.
Procedemento
Deste experimento realizamos dúas versións:
A. Cunha pequena maqueta dun xogo de ciencias. Comprabamos a efectvidade con auga coloreada
B. Con materiais de refugallo coma os que vos detallamos na lista de materiais. Neste caso, empregamos a auga sucia das pozas do patio para comprobar a efectividade do filtro.
Ímosvos deixar primeiro coas imaxes e despois pasamos á descrición detallada dos pasos.
A. COA MAQUETA
B. COS MATERIAIS DE REFUGALLO
No hay comentarios:
Publicar un comentario